POR UN 1º DE MAIO DE UNIDADE, LOITA E FIRMEZA

 

Manifestámonos este Primeiro de Maio, Día Internacional das Traballadoras, tras un ano dos catastróficos efectos da Covid19 e aínda mergullados nunha crise económica, social e institucional sen precedentes no noso país. A clase obreira galega sufrimos as polìticas de desemprego e recortes no público e nas libetades colectivas que tanto o PPdG de Feijóo como o Goberno central aplican. E neste proceso o fascismo vai avanzando, grazas en parte ao descrédito da maioría social cara a unha esquerda fragmentada, obsesionada con ocupar escanos e incapaz de dar respostas aos grandes problemas que arrastramos como pobo operario. Este desolador panorama pode poñer en risco as conquistas históricas logradas coa unidade sindical e a loita popular.
 
O sistema capitalista, cuxo marco no Estado Español é a Monarquía hederada do franquismo e os partidos que a sustentan, imponnos condicións inaguantables de vida. O alto nivel nas cifras do paro, os irrisorios salarios, os ERTES que non chegan e son insuficientes, a individualización e precarización dalgúns sectores laborais mediante fórmulas de explotación como o teletraballo ou a desindustrialización forzosa son o prezo que temos que pagar para que o poder oligárquico siga mantendo a súa taxa de beneficio.
 
Cunha mocidade sen futuro, cunhas xeracións que cotizaron toda a súa vida e ven perigar as súas pensións e coa dobre explotación que soportamos as mulleres traballadoras, non é desatinado afirmar que se aveciñan tempos moi duros. Pero non debemos de caer no desánimo, todo o contrario. A historia demóstranos que sen loita non hai dereitos nin conquistas sociais. A nosa loita, a obreira, é importante porque da mesma dependen as condicións de vida materiais da maior parte da nosa clase e por iso, segue sendo vixente dotarnos de ferramentas de organización, con perspectiva de clase. É hora de reforzar o sindicalismo, levalo cara a un camiño máis combativo (perdido desde hai décadas polo amarillismo dos seus dirixentes) e dotalo de obxectivos transformadores da sociedade con medidas como a derogación das reformas laborais do PP e do PSOE ou avanzar cara a un proceso de reindustrialización nacional.
 
Pero estas políticas, e outras que consideramos de urxencia, non poderán ser posibles sen unha alternativa política xurdida dun proceso de acumulación de forzas democráticas e populares capaz de impulsar un proceso de ruptura contra o Réxime do 78 emanado da farsa chamada Transición, onde a clase política franquista impuxo o seu modelo económico, xudicial e lexislativo, en parte mediante ameazas e en parte aproveitando as contínuas concesións do carrillismo pactista e dos social liberais de Suresnes.
 
Por todo iso, desde a Plataforma Galega pola Terceira República facemos un chamamento á unidade obreira e sindical para impulsar accións organizadas contras a folla de roteiro do gran capital e as súas crises cíclicas, ademais de instaurar a Terceira República Democrática e Federal para facer posible un porvir máis xusto e humano.
 
QUE VIVA A LOITA DA CLASE OBREIRA!
ORGANÍZATE CONNOSCO CONTRA A MONARQUIA E O CAPITAL!!