A Plataforma Galega pola Terceira República nace o 14 de Abril do 2018 a través de distintas organizacións políticas de esquerdas e activistas a título individual, persoas todas ligadas á loita social, sindical e/ou política, as cales compartimos a necesidade de articular mecanismos de participación democrática para a acumulación de forzas que culmine nunha fronte común contra a Monarquía Borbónica e a instauración da Terceira República.
A PLATAFORMA 3R defínese como un colectivo da maioría traballadora, da esquerda transformadora, republicana, plural, feminista, laica e ecoloxista. Ten como obxectivos fundamentais a ruptura co Réxime do 78 mediante un proceso democrático-popular e a conquista dun goberno do pobo.
Desde a PLATAFORMA 3R asumimos estes puntos como imprescindibles na nosa acción diaria para chegar ao obxectivo de traer aos pobos do Estado Español o mellor dos futuros posibles:
1. Superación do Réxime Monárquico.
Por un proceso constituínte republicano. O descontento de amplos sectores da sociedade non se debe exclusivamente a factores do decadente neo liberalismo, se non que tamén se debe a un compoñente claramente político. A Transición consistiu nun complexo proceso que non resolve as necesidades básicas da maioría social en pleno século XXI, xa que estivo elaborada baixo as esixencias dos afíns á ditadura anterior. En contraposición, unha nova constitución derivada dunha consulta popular outorgaranos capacidade de decisión fronte ao que se nos impuxo.
2. República Democrática, Federal, Social, Igualitaria e Laica.
A alternativa capaz de alentar aos asalariados, estudantes, autónomos ou desempregados é o proxecto da Terceira República: Democrática, onde as principais decisións que afectan o conxunto sexan aprobadas por consulta popular; Federal, que supere, sen imposicións ás nacións e pobos ibéricos, o errado e inxusto Estatuto das Autonomías; Social, acabando co abuso e a especulación dos mercados e poñendo a economía baixo as leis do ben común; Igualitaria, sen discriminación de xénero, opción sexual ou raza; Laica, onde as crenzas relixiosas non inflúan sobre a política estatal.
3. Rexeneración Democrática.
Os Parlamentos a día de hoxe están desacreditados pola corrupción e a nula capacidade de renovación e evolución acordes ás demandas actuais da sociedade. Ademais, a falta de pluralidade e de compromiso público non melloran en absoluto esta deplorable conxuntura. O noso compromiso é firme coa proporcionalidade na representación parlamentaria, coa limitación do gasto electoral, coa loita contra todo tipo de corrupción, coa eliminación de toda simboloxía fascista e coa transparencia nas decisións políticas.
4. Dereito dos pobos para decidir.
Só os pobos libres que así o decidan libremente poden construír xuntos un futuro común. O dereito para decidir é o armazón da súa unidade. O problema das nacións no Estado español existe, e ignoralo como fixo o poder todos estes anos, unicamente serviu para enfrontar aos pobos entre eles. Fronte á acusación de que somos “independentistas”, facemos nosas as reivindicacións máis sentidas dos traballadores que compoñen o Estado Español.
Chamamos, por tanto, ás organizacións de esquerda e aos seus activistas para comprometernos con estes puntos, por encima de lóxicas diferenzas, a levar este espírito unitario republicano, a que difundamos este programa mínimo e a traballar para lograr unha imprescindible unidade de acción.