14 DE ABRIL, UNIDADE POLA REPÚBLICA POPULAR!

 


 

Nestes últimos tempos foi facéndose público o que moitas e moitos xa sospeitábamos: algo cheira podre na coroa de España. Tras a abdicación de Juan Carlos de Borbón a prensa burguesa vese libre (e até tentada) de sacar á luz todos os trapos sucios do emérito, transformándoo de campechano en espantallo. Xa fai dous anos desde que a Fiscalía Anticorrupción e o Tribunal Supremo comezase unha investigación para dilucidar se o antigo xefe de Estado cobrara comisións por mediar para que as obras do AVE á Meca fosen adxudicadas a un conglomerado empresarial do Estado español. Pouco despois, viu a luz a posibilidade de que o emérito recibise doazóns sen declarar do millonario mexicano Allen Sanginés-Krause, así como tamén a existencia de diñeiro oculto nun trust financieiro no paraíso fiscal das illas do Canal, aberto en 2004 por Joaquín Romero Maura, historiador e conselleiro de Juan Carlos.

Porén, a lei do Estado español considera non culpábel o emérito, alegando que antes do 2004 disfrutaba da inmunidade do artigo 56.3 da Constitución e dando por boa a regularización fiscal presentada para xustificar os feitos posteriores á súa abdicación. Os crimes do Estado español pódense denunciar en Arxentina (no caso dos crimes de lesa humanidade perpetrados pola ditadura fascista) ou en Reino Unido (neste caso de corrupción do herdeiro da ditadura fascista), mais non no propio Estado español. Isto é unha demostración máis de que o fascismo está institucionalizado e que a monarquía é a pedra angular de todo este entramado criminal que asoballa a clase traballadora. A lei burguesa non é igual para todos, o emérito pode defraudar millóns a Facenda sen consecuencias, mais unha traballadora o un traballador sería represaliado moi duramente de deber un céntimo ao erario público.

O Estado burgués ten moitas formas de oprimir á súa clase traballadora, como a subida dos impostos; a non limitación do aumento do prezo da cesta da compra, do aluguer ou das enerxías; o reforzo do brazo represivo (policía e exército); o paro; ou a privatización dos sectores económicos básicos (sanidade, educación, banca, transportes, enerxía, etc.). Por iso, é cada vez máis necesario reclamar un 14 de Abril de clase para iniciar un proceso de acumulación de forzas pola construción dunha República para a maioría social, para a clase traballadora, que deixe atrás o Réxime do 78 e a ditadura do capital.


POR UNHA REPÚBLICA OBREIRA E POPULAR!!
FÓRA TODOS OS BORBÓNS!!
POLO DEREITO DE AUTODETERMINACIÓN DOS POBOS!!
VIVA A LOITA DA CLASE OBREIRA!!