Este 6 de decembro cúmprense 45 anos da ratificación da Constitución de 1978, un día crave para a mal chamada "Transición" que supuxo a continuidade e o afianzamento do franquismo dentro das institucións do Estado Español tras a morte do asasino Francisco Franco.
Son tempos hostís para a maioría traballadora galega. O poder adquisitivo do noso pobo atópase polos chans, mentres os prezos do alugueiro e o custo da vivenda dispáranse, a inflación dos produtos de primeira necesidade non detén o seu ascenso e a precarización e desmantelamento dos servizos públicos increméntase ás alancadas. Estes son só tres exemplos que demostran que o único interese desta "democracia" é conservar os privilexios da oligarquía que pon e dispón sobre a nosa vontade, lubricada por falsas promesas desde as butacas que se converten nunha nube de esperanza para as capas populares, volátil, difusa e baleira, mentres destrúen o noso presente e arrebátannos o noso futuro.
Por todo isto, desde a Plataforma Galega pola Terceira República temos claro que non podemos seguir aceptando a imposición destas condicións. Avogamos pola ruptura total co Réxime do 78, que de paso á construción dunha Terceira República Democrática e Federal baseada na autodeterminación das nacionalidades históricas, e que sirva de caldo de cultivo para o desenvolvemento de avances sociais que eliminen na súa totalidade os vestixios do franquismo para volver ter presente e poder asegurarnos un futuro digno.
