COMUNICADO REPUBLICANO DIANTE DO 14 DE ABRIL

 


POLOS NOSOS DEREITOS, TERCEIRA REPÚBLICA! 

Este ano conmemóranse 93 anos da proclamación da Segunda República. O 14 de Abril supón, non un día de festa ou de celebración como parecen reclamar os socios do PSOE no Goberno Español, se non unha data de reivindicación antimonárquica e transformadora para o conxunto da esquerda que se reclama rupturista. 

Aquela "República de traballadores de tódalas clases e Federal" do bienio reformista viu precedida polo espírito de democratización e modernización de intelectuais e políticos, o cal penetrara tamén na maioría traballadora da época. Mediante a Constitución do 1931 impúlsanse a reforma educativa con medidas de alfabetización, laicismo e gratituidade, os estatutos de autonomía, a reforma laboral cun maior control obreiro sobre as empresas ou o sufraxio feminino conquistado polo incipiente movemento feminista (aínda que non foi ata o 1933 onde se exerceu de maneira efectiva). 

Pero non foi ata o 16 de Febreiro do 1936 que, co triunfo da Fronte Popular, a clase obreira e as capas populares terían un programa propio e unitario. Fronte á represión reaccionaria do goberno do Partido Radical, CEDA e o Partido Agrario contra a loita revolucionaria en Asturias no 1934, as forzas das esquerdas republicanas souberon ver o perigo do fascismo e poñerse de acordo no que lles unía. Nesta etapa foi moi importante a actitude do PCE de José Díaz, que tras abandonar o sectarismo no Congreso do 1932, soubo traballar na táctica frentista de Dimitrov, aprobada no sétimo Congreso da Komintern. 

Lamentablemente o proceso democrático e popular xurdido por aquel entón foi interrompido polo sanguinario e represor fascismo e a posterior maniobra monárquica. A volta dos Borbóns despois da morte do asasino Francisco Franco foi alimentada tanto por conservadores e reaccionarios como por un PSOE financiado pola Alemaña Occidental e os Estados Unidos, así como por un PCE que abandonara toda clase de referencia revolucionaria. Ambolos dous partidos, nun oportunismo sen precedentes, deixaron de lado o ideario republicano e a bandeira tricolor que tan dignamente defenderon, por exemplo, o Quinto Rexemento de Milicias Populares. 

Na actualidade son as dirixentes e as deputadas deses mesmos partidos quenes, co aval dun Rei corrupto que non votou ninguén, dirixen hoxe o Parlamento Español ao servizo dunha oligarquía financeira nada baixo o paraugas do caciquismo franquista. Nun contexto de guerra total declarada fai xa case dous anos no Cumio da OTAN en Madrid, con conflitos abertos en Ucraína, Palestina, Iemen, Siria ou o Sahara alimentados principalmente polas potencias norteamericana e europeas (pero non só), o actual Executivo está aumentado os orzamentos militares e a inflación sobre os produtos básicos. 

Coa imposición do gasto armamentístico e o pago da débeda polos fondos repartidos ás grandes construtoras e monopolios enerxéticos, faise obvio que os recortes no sector público van estar enriba da mesa durante os próximos meses. Co PPdG gobernando máis dunha década na Xunta, lamentablemente da supresión de servizos sociais sabemos moito na Galiza: situación altamente crítica na atención sanitaria, privatización do mantemento e limpeza das nosas costas, pensións por baixo do limiar da pobreza etc. Así pois, as esquerdas institucionalistas e as dereitas coinciden en seguir aplicando as receitas de empobrecemento económico e social da troika europea.

En contraposición, para conquistar un futuro digno para a clase obreira e as capas populares galegas a alternativa á que debemos de aspirar quenes nos reclamamos da esquerda real é a da construción día tras día nos centros de traballo, nas universidades, nos barrios; en definitiva, na nosa contorna máis inmediata, dunha fronte antifascista, antioligárquica e antiimperialista que faga posible xa a urxente Terceira República Democrática, Popular e baseada na unión voluntaria dos pobos de España. 

Quenes difundimos este comunicado sempre defendemos e traballamos pola articulación dunha unidade popular republicana que faga posible a ruptura democrática para entre outras cousas: 

1. Poñer as institucións ao servizo da maioría social.

2. Blindar os servizos públicos de calidade tales como a sanidade, a educación e a vivenda.

3. Derogar a Lei Mordaza e as reformas laborais que nos explotan.

4. Acabar coa dobre opresión que sofre a muller traballadora.

5. Orientar a política exterior baixo a solidariedade internacionalista.

6. Recuperar a soberanía económica fronte aos grandes oligopolios. 

TUMBEMOS Á MONARQUÍA HERDEIRA DO FRANQUISMO!! DERROQUEMOS AOS GOBERNOS DO GRAN CAPITAL E AS SÚAS GUERRAS!