FÓRA O FASCISMO DAS FORZAS ARMADAS! COMUNICADO DA ASEMBLEA REPUBLICANA GALEGA

 


Entre agosto e finais do ano 2018, algo máis de mil almirantes, vicealmirantes, contralmirantes, xenerais de división, xenerais de brigada, coroneis, etc., en definitiva, a sacrosanta cúpula militar, reservistas e retirados, asinaron un manifesto de adhesión á figura de Franco e de desacato ao goberno ante a orde de exhumar o asasino de Cuelgamuros. Porén, uns trinta asinaron o contrario. A reación da ministra Margarita Robles foi sancionar precisamente a quenes se erixían en contra do xenocida.
 
Agora chegaron as misivas de rancios militares retirados a Felipe de Borbón alertando da posíbel ruptura do proxecto oligárquico do Estado español (eles falan de ruptura democrática) e incitándoo a actuar contra o goberno elexido nas urnas. Estas cartas foron asinadas, primeiro, por 29 mandos, despois por 73 e, por último, por 250. A isto hai que sumarlle a gravidade da conversa mantida nun chat en que afirmaban que era preciso fusilar a vinteséis millóns de “fillos de puta” (como nos chaman eles), incluidos mulleres e nenos.
 
A ministra non dá importancia a estes feitos e segue defendendo a capa e espada que estas Forzas Armadas son democráticas. A realidade é que estes covardes, que presumían de demócratas para medrar no seu traballo, non eran máis que fascistas acomplexados que, cando xa non tiñan responsabilidades, gritaron aos catro ventos a súa ideoloxía reacionaria. Son eles mesmos quen adoctrinaron aos militares que están agora, que á súa vez adoctrinarán aos que veñan despois, sen esquecer que o xefe de Estado é tamén o xefe desas Forzas Armadas de ideoloxía fascista. Hai que recordar que o xefe de Estado anterior xurou cumprir e facer cumprir os principios do réxime franquista e foi nomeado “sucesor a título de rei”. Felipe de Borbón, que sustituiu a seu pai nun desesperado intento por salvar a monarquía e o proxecto oligárquico, parece moi cómodo con esas exaltacións de españolismo rancio, cos golpistas e os seus herdeiros, convertíndose no seu cómplice perfecto. É posíbel confiar nun xefe de Estado que xurou os principios do réxime franquista, que, á súa vez é xefe dos tres exércitos? É democrático un exército infestado de franquistas cuxo mando exerce a segunda xeración herdeira do asasino? Rotundamente NON.
 
Ante o proceso de normalización do fascismo no Estado español, desde a Asemblea Republicana Galega facemos un chamamento á clase obreira e ás organizacións, partidos e asociacións da esquerda transformadora e rupturista a coordinarnos para romper definitivamente co Réxime do 78 e co capitalismo. Así mesmo, esiximos ao goberno do Estado español as seguintes medidas urxentes:
 
- A retirada de todos os privilexios militares e económicos dos sublevados.
- A dimisión inmediata da ministra de Defensa por defender a estes criminais no seu intento por organizar un golpe de estado.
- A retirada da xefatura das Forzas Armadas a Felipe de Borbón e a calquera institución non sometida ao control do pobo traballador.
- A eliminación da xustiza militar, que fai das Forzas Armadas un Estado dentro do Estado e promove o sistema de que o acusador xulgue ao acusado.
- A erradicación das conductas machistas xeralizadas dentro do exército, como as expulsións de mulleres víctimas de acoso sexual por denunciar aos seus agresores, os cuais, á súa vez, son sistematicamente ascendidos.
- A condena dos exaltados por delito de odio e enaltecemento do terrorismo.
 
FÓRA O FASCISMO DAS FORZAS ARMADAS!!
FÓRA O FASCISMO DAS NOSAS INSTITUCIÓNS!!
 
Asemblea Republicana Galega